mércores, 22 de outubro de 2014

O TEXTO


Índice de contidos:
1. Definición
2. Tipoloxía textual
2.1. Introdución
2.2. Tipos de textos
2.2.1. Textos orais
2.2.2. Textos escritos
2.2.3. Textos expositivos ou informativos
2.2.4. Textos argumentativos ou persuasivos
2.2.5. Textos prescritivos ou instrutivos
2.2.6. Textos literarios
3. Niveis e rexistros lingüísticos
3.1. A variedade lingüística
3.2. As variedades internas das linguas
3.2.1. As variedades sincrónicas ou temporais
3.2.2. As variedades sintópicas ou xeográficas
3.2.3. As variedades sinstráticas ou socioculturais
3.2.4. As variedades sinfásicas ou contextuais
Lingua e literatura galegas
1º de Bacharelato de adultos a distancia

1. Definición

_________________________________________________________________________________

Un texto é unha unidade comunicativa completa, oral ou escrita, que contén unha ou varias informacións e está caracterizado pola coherencia, a cohesión, o contido e a intencionalidade.
A coherencia permite a correcta interpretación por parte do receptor, tanto no que se refire á súa estrutura interna coma ao seu contorno espazo-temporal.
O texto é coherente se está ben estruturado, se presenta unidade temática e unha información pertinente.
A cohesión é a adecuada conexión entre as partes ou os enunciados do texto. Para lograr esa adecuada conexión temos que fixarnos nos enlaces oracionais, nas relacións das accións e no uso dos signos de puntuación.
Por contido entendemos o conxunto de informacións, as implicacións, presuposicións, etc.
A intencionalidade vén determinada pola intención comunicativa. Todo autor presenta e estrutura a súa información conforme a unha intención.
Deste xeito é como un texto se pode entender como un conxunto de enunciados coherentes, cohesionados, con significado completo e que responden a unha intención comunicativa.
_________________________________________________________________________
Para interpretar un texto é imprescindible, en primeiro lugar, coñecer o código lingüístico. De non ser así , non se poderían decodificar os enunciados.
Pero, ademais de coñecer o seu significado lingüístico, para interpretar un texto é preciso o coñecemento do mundo ou ámbito en que se produce o enunciado.
Os textos teñen un significado lingüístico e referencial, pero tamén un significado implícito ou sobreentendido que deriva das circunstancias en que se emiten. Ese significado implícito debe ser descuberto polo receptor, e iso será así por un coñecemento compartido, polas normas ou convencións sociais, e tamén pola entoación, os xestos e os acenos.
Tendo isto todo en conta os actos de comunicación poden ser directos e indirectos. Nestes hai significados implícitos; naqueles, non.

2. Tipoloxía textual

2.1. Introdución

A primeira clasificación que podemos facer dos textos tería en conta a canle de transmisión das mensaxes e permitiríanos falar de textos orais e escritos.

 A segunda clasificación tería en conta a intencionalidade do emisor e permitiríanos falar de textos informativos ou expositivos, de textos argumentativos ou persuasivos, de textos prescritivos ou instrutivos e de textos literarios.

2.2. Tipos de textos


2.2.1. Textos orais


Son o resultado dunha actividade fundamentalmente oral, de carácter interactivo e organizada conforme a unha alternancia de emisor e receptor.
Os textos orais poden ser, á súa vez, planificados, pensados e organizados (conferencia, discurso, etc.) ou non planificados, espontáneos (conversa). Uns e outros presentan múltiples subvariedades baseadas nos distintos graos de espontaneidade ou de planificación. Así podemos falar de conversa formal (profesor-alumno, médico-paciente, etc.) e conversa informal, coloquial ou familiar, que é espontánea e soe darse entre iguais, sen tema predeterminado e sen alternancia regulada. Con todo, aínda neste tipo de conversas soe haber un inicio ou apertura, unha preparación ou orientación que introduce e orienta o tema do que queremos falar, un tema ou obxecto (parte central da conversa)
no que se di o que se quería comunicar, e un remate, que consiste na avaliación do dito, a aceptación do ofrecemento e a despedida.
Os textos orais planificados poden gravarse e aínda transcribirse para presentalos como modelo ou exemplo nunha situación determinada: académica , expositiva, etc. Os textos orais planificados, habitualmente, escríbense para organizar a información e evitar lapsus. Estes textos están no límite entre os textos orais e escritos polo que poden presentar características destes.

Exemplo de texto oral:
Mira, unha vez na Coruña, eu e mais unha prima carnal do Víctor, do meu Víctor, estabamos na Coruña. E o Víctor ten unha sobriña lexítima na, na Coruña, casada aló con familia. E xa había, xa hai tempo que estaba cando pasou iso. E iamos aló no Campo da Leña, aló por riba, iamos cara á Torre de Hércules. E entramos nunha froitería. E ía a Ana María e mais un fillo desa prima carnal, que está aquí en Corbelle...; un fillo, que chaman Carlos, que está agora casado en Inglaterra casado. E os pícaros querían, querían algo; pedíronnos caramelos ou chocolatinas ou non sei qué nos pediron.
Entramos na froitería. E esa sobriña de Víctor, xa había tempo que estaba na Coruña e cortaba algo o castelán. E entón nosoutros entramos, e esta, que está aquí veciña, que é prima do Víctor, que chaman Hortensia, dixo:
-Déanos un quilo de uvas, ¡mouras!
E púxolle o quilo de uvas mouras. E saímos para fóra, e empaquetáronnolas ou xa llelas demos aos pícaros ou non sei, que saímos todas tres e mailos nenos. E saímos por alí, eu chámolle arriba, e díxolle alí fóra, díxonos alí fóra a sobriña do Víctor que estaba na Coruña:
-¡Ai! ¡Ai Hortensia! ¡Para outra vez non digas así!
-¿E logo?
-¡Di negras! ¡Di negras! Esa palabra, mouras, é unha palabra moi mal dita
–dixo-, moi mal dita, muller. ¿E non ves que chama a atención da xente?
F. Fernández Rei e C. Hermida Gulías, “Etnotexto 4. O falar fino”.
A nosa fala. Bloques e áreas lingüísticas.



2.2.2. Textos escritos
Son o resultado de pasar a unha canle gráfica, polo que serán percibidos pola vista e non polo oído, os textos orais; ao tratarse dunha tradución dos textos orais, poden elaborarse e planificarse. Isto é, fundamentalmente, o que os diferencia dos textos orais. Os sistemas escritos son sistemas substitutorios dos orais que serían os sistemas naturais de comunicación.

Exemplo de texto escrito:
Cando había eleccións o Antón, pai do Manueliño,ía sempre a votar.
Antes das eleccións no pobo falábase e discutíase. Antón era pouco amigo de discutir e votaba sempre por aquel que o señor Manuel de Hortas lle dicía. O Antón pensaba para si que, votase a quen votase, , a súa sorte e a dos seus non ía cambiar en nada. Facéndolle caso ao señor Manuel algo podía conseguir. Se algunha vez precisaba algunha cousa, ou se vía nalgún apreto, o señor Manuel aínda lle podería valer. E esto é o que podía gañar.
Nos derradeiros tempos semellaba que todo se complicara. Todo ía de
mal en peor. Non había quen entendera nada. Na casa de Hortas, despois de cear, o señor Manuel sentaba detrás do lume, no escano de castiñeiro que había perto a lareira, sacaba con solemnidade os seus anteollos de aramio e lía o xornal en alta voz para toda a familia. O xornal só traía cousas desagradables: mortes, folgas, tiroteos nas rúas das cidades, discursos...
O xornal que lía o señor Manuel , que era ao que estaban suscritos os de Hortas e que recibían tódolos días, era El Ideal Gallego, da Coruña. ao Manueliño quedábanlle na lembranza algúns nomes daquelas xentes das que falaba o papel: Azaña, a Pasionaria, Gil Robles, Casares Quiroga, Prieto, Lerroux, Portela Valladares, Calvo Sotelo... Castelao. Non sabía quén eran tales xentes aínda que por Castelao, sen que soubese explicalo, tiña unha fondísima simpatía. O único que sabía era que todos eles eran políticos. Os de Hortas poñían polas nubes a Gil Robles e a Calvo Sotelo. E falaban pestes de Azaña, de Prieto, da Pasionaria. Azaña e a Pasionaria, polo visto, non ían á misa e non querían saber nada cos cregos. aos de
Hortas isto semelláballes unha monstruosidade.
Manuel María: O xornaleiro e sete testemuñas máis, 1971.

2.2.3. Textos expositivos ou informativos


Son os que teñen como obxectivo proporcionarlle ao receptor ou receptores unha información: novas ideas, novos datos, novos coñecementos, novas crenzas. Son exemplos deste tipo de textos as novas periodísticas, as enciclopedias, os manuais, as guías turísticas, etc.
Caracterízanse pola claridade, a orde e a obxectividade. Neles son factores fundamentais o emisor e o receptor, que pode ser individual ou colectivo. Habitualmente, presentan unha estrutura tripartita: introdución, desenvolvemento, desenlace, e organízanse arredor de formas como a enumeración, a descrición, a comparación, a secuencia cronolóxica, a ordenación causa-consecuencia, o esquema de pregunta-resposta, a definición, a exemplificación, a argumentación, o resumo.
A linguaxe deste tipo de textos caracterízase por posuír un léxico preciso con abundantes tecnicismos e substantivos abstractos, e pola presenza de conectores e marcadores (nexos) discursivos que axudan a precisar, relacionar e organizar as ideas.

Exemplo de texto expositivo ou informativo:
As cantigas de amigo diferéncianse das de amor en que aquelas están postas en boca dunha muller e estas en boca dun home. Pero hai cantigas nas que falan eles e elas, polo que convén que distingades se son de amor ou de amigo. Pois sabede que se falan eles na primeira cobra e elas na outra, é de amor, porque está motivada pola razón del, como xa vos dixen antes; e se elas falan na primeira cobra, sería de amigo. Se ambos falan na mesma cobra, será segundo cal deles fala na cobra primeiro.
As cantigas de escarnio son aquelas que os trobadores fan querendo falar mal de alguén nelas, e dinllo con palabras encubertas e polisémicas, con alomenos dúas lecturas, para que non se entendan (chámase este recurso equivocatio). Estas cantigas poden ser de mestría ou de refrán, atendendo á
súa perfección formal.
Cantigas de maldicir son aquelas que fan os trobadores utilizando a crítica aberta. Nelas aparecen palabras procaces e crueis que din claramente o que queren dicir sen retorcementos.
Alfonso Rey López: Adaptación dun texto do Cancioneiro da B.N. de L., 2007.
2.2.4. Textos argumentativos ou persuasivos


Son aqueles que teñen como intención comunicativa convencer ou persuadir ao receptor, é dicir, modificar as súas ideas ou as súas crenzas, os datos, os coñecementos, etc. Outras veces defenden unha opinión ofrecendo razóns que a xustifiquen. Son exemplos deste tipo de textos os artigos de opinión dos periódicos, os editoriais, a defensa dunha tese, un programa
político,... O emisor, para convencer ou persuadir ao receptor, pode valerse de moi variados medios; por exemplo a loa ou a ameaza, que explotan ideas ou crenzas de tipo emocional ou afectivo e mostran como a vaidade e o medo poden ser utilizados a modo de instrumentos capaces de cambiar as opinións dos demais.
Os textos argumentativos ou persuasivos soen presentar un tema obxecto de argumentación, unha tese ou opinión defendida polo emisor e os argumentos constituídos polas razóns que xustifican a tese.
Habitualmente a súa estrutura consta de catro partes: introdución, exposición, argumentación e conclusión.
Na introdución presentamos o tema do que imos opinar; na exposición expresamos a nosa visión do tema; na argumentación xustificamos a nosa opinión e na conclusión volvemos normalmente á exposición, pero xa como resultado dun proceso dedutivo.
Os argumentos poden ser de diversa tipoloxía. Segundo o contido poden ser: da maioría (a maioría pensa así), de utilidade (é o máis útil), éticos (é moral) e hedonistas (produce máis pracer). Segundo a finalidade poden ser: racionais (para convencer) e afectivos ou emotivos (para persuadir). Aqueles poden, á súa vez, ser de argumentación lóxica polo exemplo ou de argumentación lóxica por analoxía.
A lingua dos textos argumentativos ou persuasivos caracterízase polas continuas apelacións ao interlocutor, as valoracións subxectivas, a significación connotativa, para o que usa moito os nexos (conectores) causais, consecutivos ou de contraposición (concesivos, adversativos).
As argumentacións poden ser progresivas (expoñemos unha serie de argumentos para chegar a unha conclusión) ou regresivas (cos argumentos xustificamos unha opinión que os precede).
A conexión entre os distintos argumentos, e entre os argumentos e a conclusión pode ser explícita ou implícita. A conexión explícita utiliza nexos que indican ben ás claras a relación, e a implícita elimina nexos polo que a relación pode perder claridade e precisión.

Exemplo de texto argumentativo ou persuasivo:
Eu caracterizaría aos homes do meu tempo, preocupados polas cousas do espírito, dicindo que eramos... os auténticos vencidos da vida... Insatisfeitos, non conformistas, decote rebeldes. Vencidos da vida por inadaptados... [...]
Nós eramos exotistas, partidarios do lonxano, do recuado, do descoñecido.
O noso ensoño ía cara ás terras exóticas, onde se non coñeceran as máquinas e os homes non levaran chistera: os recantos case inéditos da India, da África central, do Tíbet misterioso, ou cara aos tempos antigos de Exipto e Babilonia...
Eu mesmo metinme a estudia-las relixións da India...[...]
Despois de tantas voltas e revoltas, despois de tantas reviravoltas e trasvoltas polas lonxanías do espazo e do tempo, en procura de algo inédito que nos salvara do vulgar, viñemos dar na sorprendente descuberta de que Galicia, a nosa Terra, oculta ao noso ollar por un espeso estrato de cultura allea... ofrecíanos un mundo tan extenso, tan novo, tan inédito, tan descoñecido, coma os que andabamos a procurar por aí adiante. [...]
Vicente Risco: “Nós, os inadaptados”, Leria, 1920-50.

2.2.5. Textos prescritivos ou instrutivos


Son textos que teñen como obxectivo de comunicación actuar sobre o comportamento do receptor, xa sexa engadindo novas pautas de conduta, xa sexa modificando algunhas que xa existían. Pretenden, pois, aumentar o saber facer do receptor. O que máis importa é o que se pretende conseguir e non os medios empregados para logralo. Son textos prescritivos típicos as receitas de cociña, as instrucións de funcionamento dun electrodoméstico ou de montaxe dun moble, os textos legais, etc.
Os textos prescritivos diferéncianse dos argumentativos en que aqueles non queren convencer, só din como actuar. ao non haber intención de convencer,receptor pode actuar por outros motivos; por exemplo, polo principio de autoridade.


Estes textos soen presentar na súa estrutura dúas partes: meta (obxectivo que se pretende alcanzar, e que aparece no título) e programa (conxunto de instrucións enumeradas en parágrafos independentes). As instrucións ordénanse cronoloxicamente ou segundo a importancia. Con frecuencia, ao principio, aparece unha enumeración de útiles para a realización da acción.
Xeralmente posúen un carácter impersoal porque se intercambia entre persoas como representantes de grupos sociais, non como individuos singulares.
A lingua dos textos prescritivos ou instrutivos, con frecuencia, mestura o código verbal co visual ou icónico. Usan o imperativo e as oracións exhortativas, as impersoais e as pasivas reflexas. Abundan os nexos temporais e de orde.

Exemplo de texto prescritivo ou instrutivo:

DISPOÑO:
Artigo 1. Principios xerais.
· A etapa de Educación secundaria obrigatoria ten carácter obrigatorio e gratuíto e constitúe, xunto coa educación primaria, a educación básica.
Comprende catro cursos académicos, que se cursarán ordinariamente entre
os doce e os dezaseis anos de idade. Con carácter xeral, os alumnos terán dereito a permanecer en réxime ordinario ata os dezaoito anos de idade cumpridos no ano en que finalice o curso.
· A Educación secundaria obrigatoria organízase en diferentes materias. O cuarto curso da Educación secundaria obrigatoria terá carácter orientador, tanto para os estudos postobrigatorios como para a incorporación á vida laboral.
[...]
Artigo 2. Fins.
A finalidade da Educación secundaria obrigatoria consiste en lograr que os alumnos e as alumnas adquiran os elementos básicos da cultura,especialmente nos seus aspectos humanístico, artístico,científico e tecnolóxico; desenrolar e consolidar neles hábitos de estudo e de traballo;
preparalos para a súa incorporación a estudos posteriores e para a súa inserción laboral e formais para o exercicio dos seus dereitos e obrigas na vida como cidadáns.

2.2.6. Textos literarios

Son aqueles que, sen excluír outras intencionalidades, se basean na beleza ou estética do discurso. Están máis interesados en como din que no que din.
Utilizan as técnicas do discurso con fins estéticos, pretenden crear beleza para o que usan os recursos literarios: figuras de dición, tropos, etc., en definitiva, os denominados “recursos estilísticos”. As características deste tipo de textos e oseu comentario abordaranse na primeira unidade adicada ao estudo da literatura, onde se falará da linguaxe literaria e o comentario de textos literarios.

Exemplo de texto literario:

Algúns ricos entérranse ao probe,
e algúns probes ao grande se enterran,
todos para distinguirse,
e astra o morrer ten fachenda.
¡Vanidá, canto vals antre os homes,
que astra as portas da morte penetras!
Mas desque can no burato,
todos iguales se quedan;
i o polvo ao polvo se torna
e onda os vívo-la soberbia.
Rosalía de Castro: Follas novas, 1880.

3. Niveis e rexistros lingüísticos

3.1. A variedade lingüística
Todos os pobos falan, e a facultade lingüística é especificamente humana, de tal xeito que os animais non poden facelo aínda que cheguen a comunicarse. Pois ben, denominaremos linguaxe verbal á capacidade que ten o ser humano de poder comunicarse mediante signos lingüísticos (orais ou escritos).
A linguaxe como tal capacidade é única, pero maniféstase na multiplicidade de linguas existentes non comprensibles entre si como o galego, o inglés, o chinés, etc. A lingua é un sistema único para todos os membros da mesma comunidade, que se concreta en actos individuais de fala nos que cada individuo fai un uso persoal da lingua común.
É fácil decatarse de que unha lingua non é unha realidade homoxénea e sen fisuras. Moi ao contrario, dentro de todas as linguas existen moitas variedades internas de maior ou menor importancia –o galego de Bergantiños
non é igual ao dos Ancares, o galego dun médico non é igual ao dun mariñeiro, o galego que utilizamos nunha cafetería ou na casa non é igual ao que escoitamos nunha conferencia, etc...–. Todos somos conscientes, polo tanto, de que hai distintas formas de falar galego, castelán, francés. As linguas segundo isto serían sistemas heteroxéneos –xa que posúen diferenzas de varios tipos– pero ao mesmo tempo homoxéneos –xa que distinguimos as linguas unhas doutras e todos somos conscientes de que estas se diferencian entre si–.
Entre as motivacións que poderían levar a describir as linguas salienta frecuentemente a preocupación por fixar con precisión un bo uso, unha corrección, unha norma lingüística, que sinalaría algunhas formas de falar como correctamente utilizadas, e que rexeitaría as outras como incorrectas, impuras ou vulgares.

3.2. As variedades internas das linguas
Cando pensamos nunha lingua determinada, como por exemplo o galego, o italiano, ou o inglés, estamos afeitos a imaxinala como un obxecto máis ou menos homoxéneo e diferenciado doutros, aínda que como falantes nos decatamos de que existen diferenzas no interior desa lingua.
Esas diferenzas que atopamos nunha lingua dan lugar a distintas variedades desa lingua que podemos sistematizar do seguinte xeito:

  •  Variedades sincrónicas ou temporais
  • Variedades sintópicas ou xeográficas
  •  Variedades sinstráticas ou socioculturais
  •  Variedades sinfásicas ou contextuais


3.2.1. As variedades sincrónicas ou temporais
Se temos en conta o eixe temporal (o paso do tempo), como falantes dunha lingua podemos distinguir diferenzas nos distintos estadios desta. Estes cambios están motivados pola evolución da lingua co paso do tempo.
As diferenzas que se producen ao longo do tempo en calquera lingua dan lugar ó que coñecemos como variedades sincrónicas; así o galego medieval será unha variedade sincrónica, o galego dos Séculos Escuros será outra, o galego do Rexurdimento será outra e o actual será outra diferente, de tal xeito que pode haber tantas variedades sincrónicas como estadios da lingua ó longo da historia.

3.2.2. As variedades sintópicas ou xeográficas

ESQUEMA DAS VARIEDADES XEOGRÁFICAS
Son as variedades espaciais ou xeográficas. Dentro do territorio ocupado por unha lingua poden existir distintas variedades que se falan en diferentes zonas xeográficas delimitadas.
Se trasladamos esta realidade á nosa lingua, notaremos que o galego posúe diferenzas que existen na lingua falada segundo as zonas: o galego do Salnés, o galego de Bergantiños, o galego da mariña luguesa...
Chamamos dialecto a cada unha das diferentes formas que adopta unha lingua nos distintos territorios que ocupa.
Con todo, as linguas posúen moitos trazos comúns a todas as variantes xeográficas, que permiten afirmar que estamos a falar do mesmo idioma e non de idiomas diferentes.
As diferenzas que se dan entre as diferentes zonas afectan sobre todo á fonética e á morfoloxía, sendo moito menos numerosas nos campos léxico e sintáctico.

Para estudar as variedades sintópicas, os estudosos válense de mapas lingüísticos nos que se reflicten os fenómenos de cada zona.
A nosa lingua fálase en Galicia e en zonas limítrofes de Asturias, León e Zamora.
Segundo as variedades sintópicas, no galego podemos distinguir tres bloques dialectais que se caracterizan por posuíren unha serie de trazos comúns no seu interior que os diferencian dos outros dous.

Observa nesta táboa os trazos máis salientables que singularizan cada bloque:
CARACTERÍSTICAS DOS BLOQUES LINGÜÍSTICOS

Bloques dialectais
3.2.3. As variedades sinstráticas ou socioculturais
Estas variedades son provocadas polo feito de que dentro dunha comunidade lingüística existen diferentes estratos socioculturais. Isto é, non se fala da mesma maneira un idioma nos barrios pobres da periferia das grandes cidades que nas zonas residenciais ou céntricas.Tampouco se fala igual nas zonas rurais que nas urbanas. Tampouco fala do mesmo
xeito o médico que o polbeiro. Nos extremos destas variacións estarían a versión culta e a vulgar dunha lingua.

Ás variantes socioculturais denominámolas niveis de lingua ou niveis lingüísticos. Normalmente diferenciamos tres niveis de lingua:
Nivel vulgar: este nivel de lingua é empregado fundamentalmente polos estratos sociais máis baixos, con escasa escolarización e cultura restrinxida. É o código máis restrinxido dos tres niveis, de tal xeito que este tipo de falantes vén limitadas as súas posibilidades de expresión.
En moitas ocasións a falta de recursos lingüísticos vese suplida por unha maior expresividade corporal neste nivel mediante o abuso dos xestos e dos acenos.
Chamarémoslles vulgarismos ás incorreccións características do nivel vulgar.
Como características destacamos: pronunciación vulgar, hipercorreccións, reducións de vogais e períodos sintácticos, pobreza léxica, uso de castelanismos, utilización de expresións malsoantes, frases breves e sinxelas, falta de concordancias..etc.

Nivel popular: trátase dunha utilización intermedia entre o nivel vulgar e o culto. É o tipo de lingua que utilizamos en situacións cotiás e domésticas con persoas de moita confianza (familiares, amigos...), o que fai que algunhas veces nos despreocupemos pola corrección da linguaxe empregada. É un tipo de lingua informal, sinxelo e, a miúdo, impreciso.

Neste nivel a expresividade vese reforzada co emprego de interxeccións e os cambios de entoación (exclamacións, preguntas), así como tamén coa nosa propia expresividade corporal mediante xestos e acenos.
Considérase un uso correcto da lingua pero sen chegar á perfección e ó coidado do nivel culto. Como características destacamos: uso de palabras “comodín” e onomatopeas, utilización de refráns e frases feitas da fala popular, utilización abondosa de pronomes persoais, interrogacións, exclamacións, diminutivos e aumentativos con valores expresivos, uso de apócopes ou palabras abreviadas, emprego de frases sinxelas e breves, repeticións, uso tamén de castelanismos e palabras malsoantes.

Nivel culto: é o nivel modelo que estudamos cando queremos aprender calquera lingua e tamén o que aparece nos libros e nos medios de comunicación.
A súa utilización rexístrase en persoas de nivel cultural alto, que teñen estudado a lingua e por iso posúen máis recursos expresivos.

Diferenciándose dos dous niveis anteriores, no nivel culto a xesticulación é escasa, xa que se suple cun maior dominio da entoación. Como características destacamos: vocabulario rico e variado, precisión léxica, inexistencia de castelanismos, fórmulas rituais e de respecto, variedade e corrección no emprego de formas verbais, ausencia de vulgarismos, uso de períodos sintácticos longos, evita a repetición sistemática de determinados nexos, pronunciación correcta e coidada.
Tamén se inclúen dentro das variedades sinstráticas as denominadas linguaxes especiais ou específicas (xergas -barallete(afiadores), verba dos arxinas(canteiros), verbodaordés(telleiros), latín dos chafoutas(albaneis)e xerga dos cesteiros-, linguaxes científico-técnicas(matemática, informática, económica) e linguaxes sectoriais -ensaística, xornalística, xurídicoadministrativa, publicitaria e literaria-).

3.2.4. As variedades sinfásicas ou contextuais
As variedades sinfásicas son as diferenzas no uso da lingua relacionadas co contexto e coa elección do propio falante. Están en relación co tipo de comunicación desexado polo falante respecto da situación na que se desenvolve o acto lingüístico e respecto do receptor.
Estas variantes individuais, tamén reciben o nome de estilísticas, xa que o seu ámbito é subxectivo ata o punto de que non teñen porque ser constantes nun mesmo falante determinado. (Pensa que unha mesma persoa non fará un uso idéntico da súa lingua en situacións completamente diferentes: unha conferencia na que expón os seus coñecementos científicos ou unha conversa distendida cos amigos ou familiares).
Se nas variedades sinstráticas falabamos de niveis, nas sinfásicas distinguiremos variadosrexistros de lingua segundo a situación e o contexto.
O coñecemento que un falante ten da súa lingua chámase competencia lingüística, a cal vén determinada polo nivel cultural de cada individuo.
En cada situación de lingua determinada, un falante utilizará un rexistro lingüístico determinado. Estarás de acordo en que non falamos sempre do mesmo xeito. Na casa temos unha maneira de falar (rexistro 1) que non utilizamos na aula, no médico, nun avogado (rexistro 2). Cos nosos amigos falamos de maneira distinta a todas as anteriores (rexistro 3)... e así a nosa forma de falar vai mudando conforme ó contexto e á situación na que nos atopemos.
Distinguimos dous tipos de rexistros, un rexistro formal e un rexistro informalou coloquial, aínda que entrambos extremos poderían aparecer situacións de fala onde o rexistro non coincide cos citados anteriormente, senón que os seus trazos aparecen mesturados.

Os trazos caracterizadores do rexistro formal coinciden cos que estudabamos para o nivel culto nas variedades sinstráticas.
No rexistro informal ou coloquial utilizamos unha lingua menos elaborada.
Isto pode ser debido a dúas causas, dunha banda debido á falta de competencia lingüística que nos impide ter unha lingua máis rica por carencia de estudios, e doutra banda debido á natureza da situación, en moitas ocasións non é necesario ou mesmo pode chegar a ser inconveniente.
Ademais deste gran trazo caracterizador do rexistro informal ou coloquial, imos ver outras características que o definen: hai unha relaxación na pronunciación así como na xesticulación (é moito máis espontáneo e afectivo o rexistro informal); a estrutura sintáctica é desordenada xa que se incide nas palabras que acaparan a nosa atención e que adoitan aparecer ao principio e ao final do enunciado; o uso dos hipocorísticos en vez do nome completo (p. ex. Maruxa por María, Chefa por Xosefa); emprego de metáforas e hipérboles coloquiais (p. ex. é malo coma a fame); utilización de palabras comodín; etc.